Evolución histórica das linguaxes de programación
Published by Xosé Otero marzo 24th, 2007 in Teoría, TitorialA informática é unha enxeñería nova, máis non tanto como se supón. A medidados do século XIX, Charles Babbage deseñou a máquina analítica, unha computadora que por problemas de presuposto e/ou de técnica dispoñible naquel momento, nunca se puido fabricar. Ó haber unha descripción detallada da máquina, era posible crear programas para esta. Así, Ada Lovelace convertiuse na primeira programadora ó deseñar un método para calcular números de Bernoulli con esta máquina.
Pódese definir ordenador coma unha máquina automática, de propósito xeral e programable. En realidade, o concepto de ordenador foi evolucionando co paso do tempo ó mesmo tempo que evolucionaba a electrónica precisa para desenvolvelos. Do mesmo xeito, as linguaxes de programación tamén foron evolucionando grazas ás abstraccións que ían permitindo os ordenadores.
Ó longo do tempo, as linguaxes de programación sufriron varias evolucións. Estas evolucións viñeron provocadas polo aumento de potenza dos ordenadores. Ó principio, a potenza dos ordenadores era pouca e tíñase que aproveitar ata o último ciclo de reloxo da CPU. Co tempo, aumentaron as prestacións das máquinas co que se puideron introducir certas abstraccións na linguaxe en beneficio da maior facilidade para entender, escribir e mante-lo código. Considérase que existen cinco tipos de linguaxes de programación:
- Linguaxes de primeira xeración: Este tipo de linguaxes están compostos tan só por 0 e 1. É o nivel máis baixo que pode ter unha linguaxe de programación, posto que se trata do mesmo código que entende a CPU directamente. Polo tanto, son linguaxes específicas para cada CPU.
- Linguaxes de segunda xeración: Estas linguaxes son as linguaxes ensamblador. A única diferenza coas linguaxes de primeira xeración é que se empregan códigos mnemotécnicos no lugar dos 0 e 1, polo tanto, a conversión a código máquina é directa. Ó empregar códigos mnemotécnicos evítanse posibles erros no código ó escribir os 0 e 1 directamente. Seguen sendo linguaxes propias a cada CPU.
- Linguaxes de terceira xeración: Estas linguaxes son as más comúns hoxe en día. Caracterízanse por crear certas abstraccións, como as variables con nome ou a uso de fórmulas matemáticas, para facilita-la escritura e lectura do código polo programador. A razón pola que son as linguaxes máis extendidas é que permiten a independencia coa CPU, posto que un mesmo código pódese compilar para ser executado por distintos tipos de CPU. Exemplo destas linguaxes son Fortran, C++ ou Java.
- Linguaxes de cuarta xeración: Estas linguaxes son linguaxes de moi alto nivel, pero especializadas para resolver un tipo de problema específico. Unha das linguaxes desta xeración máis empregadas é SQL, que permite facer consultas/insercións/eliminación de datos nunha base de datos.
- Linguaxes de quinta xeración: Estas linguaxes cambian o xeito de resolver un problema. Nas anteriores xeracións tíñase que buscar un algoritmo que resolvese o problema, sen embargo, as linguaxes de quinta xeración tan só precisan das restricións que debe cumprir o problema. A linguaxe máis coñecida desta xeración é Prolog.
chúzame -
0 Responses to “Evolución histórica das linguaxes de programación”
Please Wait
Leave a Reply