Programación estructurada

A programación estructurada consiste na utilización de tres estructuras básicas: a secuencia, a seleción e a repetición. Con estas tres estructuras pódese realizar calquera tipo de programa, aínda que o código será pouco lexible, difícil de reutilizar e difícil de manter. As linguaxes de programación que permiten este paradigma de programación inclúen outras estructuras de máis alto nivel para mellora-lo nivel de abstración e lexibilidade do código.

Exemplos de linguaxes estructuradas son: C, Modula 3 ou Java.

Secuencia

A secuencia é a estructura máis básica da programación estructurada. Unha secuencia consiste na execución de varias instrucións seguidas, unha detrás da outra. Estas instrucións poden ser simples ou estar compostas por estructuras máis elaboradas (concatenación de selecións, repeticións ou unha mistura).

Un exemplo de secuencia é o intercambio entre os valores de dúas variables (a e b no exemplo).

tmp = a
a = b
b = tmp

Seleción

A seleción permite executar código de forma condicional. No mundo real, nunca se atopa un programa onde tódalas súas instruccións se executen, senón que dependendo da entrada do programa se tomarán certos camiños dentro do código. A seleción está formada por tres partes: a primeira é a condición, a segunda son as instrucións que se executarán en caso de que se cumpla a condición e a terceira as instrucións que se executarán en caso de que non se cumpla.

Un exemplo de seleción é o cálculo do valor absoluto dun número. Neste exemplo compróbase se o número é maior ou igual que cero, se o é, non hai que modificar este valor, se é menor que cero (se non é maior ou igual que cero) hai que cambiarlle o signo.

SE n >= 0
    ENTÓN valor_absoluto = n
    SENÖN valor_absoluto = -n
FinSE

Repetición

A repetición permite executar un bloque de instrucións un número variable, e a miúdo descoñecido, de veces. A repetición está formada por dúas partes: a primeira é a condición de repetición do bucle e a segunda é o bloque de instrucións a executar. O bloque de instrucións estarase a executar mentres que se cumpla a condición de repetición. Un erro frecuente é esquecerse de modificar dalgún xeito os operadores que interveñen na condición de repetición facendo que o programa entre nun bucle infinito.

Un exemplo de repetición é o calculo do primeiros n números enteiros. Neste exemplo, i vai tomando tódolos valores dende 1 ata n (1 <= i < n).

total = 0
i = 1
MENTRES i <= n
    total = total + i
    i = i + 1
FinMENTRES
Chuzame! chúzame -

2 Responses to “Programación estructurada”

  1. 1 Shagi

    java is not structure, is Oriented a objects

  1. 1 Paradigmas de programación at Programar en Python

Leave a Reply